Sirius

Sirius

27/4/12

ESTRUTURA DA PROBA DE ACCESO Á UNIVERSIDADE

A proba de acceso ás ensinanzas universitaria oficiais de Grao (PAU) estrutúrase en dúas fases denominadas respectivamente Fase Xeral e Fase Específica.
  • A Fase Xeral da PAU ten por obxecto valorar a madurez e destrezas básicas que debe acadar o estudante ao finalizar o bacharelato para seguiren as ensinanzas universitarias oficiais de Grao, especialmente no que se refire á compresión de mensaxes, uso da linguaxe para analizar, relacionar, sintetizar e expresar ideas, a comprensión básica dunha lingua estranxeira e os coñecementos e técnicas fundamentais dunha materia de modalidade.
  • A Fase Específica da PAU, de carácter voluntario, ten por obxecto a avaliación dos coñecementos e a capacidade de razoamento nuns ámbitos disciplinares concretos relacionados cos estudos que se pretende cursar e permite mellorar a cualificación obtida na Fase Xeral.
3. Descrición da Fase Xeral
A Fase Xeral da PAU constará dos exercicios seguintes:
1º) Lingua Castelá e Literatura:
Consistirá no comentario, por escrito, dun texto non especializado e de carácter informativo ou divulgativo, relacionado coas capacidades e contidos da materia de Lingua Castelá e Literatura.
2º) Lingua Galega e Literatura:

Consistirá no comentario, por escrito, dun texto non especializado e de carácter informativo ou divulgativo, relacionado coas capacidades e contidos da materia de Lingua Galega e Literatura. Nota: o alumnado que teña exención en Lingua e Literatura Galega nalgún dos dous cursos de bacharelato non terá que facer este exercicio. Tamén terá dereito de exención de Lingua e Literatura Galega o alumnado que non cursase en Galicia algún dos dous cursos do bacharelato.
3º) Historia de España ou Historia de Filosofía:
Versará sobre as capacidades e contidos dunha das seguintes materias comúns de segundo de bacharelato: Historia de España ou Historia da Filosofía. Consistirá na resposta por escrito a unha serie de cuestións adecuadas ao tipo de coñecementos e capacidades que deban seren avaliados e o formato de resposta deberá garantir a aplicación dos criterios obxectivos de avaliación previamente aprobados.

Nota: a efectos de organización da proba, o estudante indicará na solicitude de matrícula na PAU, a materia común (Historia de España ou Historia da Filosofía) da que se examinará.
4º) Lingua Estranxeira [Alemán, Francés, Inglés, Italiano ou Portugués]:
O exercicio terá como obxectivo valorar a comprensión oral e lectora e a expresión oral e escrita da lingua estranxeira da que se trate.
Nota: a efectos de organización da proba, o estudante indicará na solicitude de matrícula na PAU, a lingua estranxeira [Alemán, Francés, Inglés, Italiano ou Portugués] da que se examinará.
5º) Materia de modalidade de segundo de bacharelato:
O quinto exercicio versará sobre os contidos de unha das materias da modalidade de 2º de bacharelato (a elixir polo alumno). Consistirá na resposta por escrito a unha serie de cuestións adecuadas ao tipo de coñecemento e capacidades que deban ser avaliados e o formato da resposta deberá garantir a aplicación dos criterios obxectivos de avaliación previamente aprobados.
Nota: a efectos de organización da proba, o estudante indicará na solicitude de matrícula na PAU a materia de modalidade da que se examinará, de entre aquelas ás que fai referencia o artigo 8 do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 23 de xuño).
Cada un dos cinco exercicios da Fase Xeral da PAU presentará dúas opcións diferentes entre as que o estudante deberá elixir unha e terá unha duración máxima de hora e media, establecéndose un intervalo mínimo de 45 minutos entre o final dun exercicio e o comezo do seguinte.
Para a realización dos exercicios, os estudantes poderán empregar, á súa elección, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os exercicios de Lingua Castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura e da Lingua Estranxeira da que se trate deberán desenvolverse nas súas respectivas linguas.
4. Descrición da Fase Específica
Na Fase Específica da PAU cada estudante poderá examinarse dun máximo de catro materias de entre as de modalidade do segundo curso de bacharelato a que fai referencia o artigo 7 do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 23 de xuño), e que deberán ser distintas da materia de modalidade elixida para a o 5º exercicio da Fase Xeral, sempre que o estudante se examine da Fase Xeral e da Fase Específica na mesma convocatoria.
Os exercicios de cada unha das materias elixidas polo estudante consistirán na resposta por escrito a unha serie de cuestións adecuadas ao tipo de coñecemento e capacidades que deban ser avaliadas e cun formato de resposta que garanta a aplicación dos criterios obxectivos de avaliación previamente aprobados.
Cada un dos exercicios da Fase Específica da PAU presentará dúas opcións diferentes entre as que o estudante deberá elixir unha e terá unha duración máxima de hora e media, establecéndose un intervalo mínimo de 45 minutos entre o final dun exercicio e o comezo do seguinte.
Para a realización dos exercicios Fase Específica da PAU, os estudantes poderán empregar, á súa elección, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Nota: segundo o establecido no artigo 10 da Orde do 24.03.2011 da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a efectos de organización da proba, o estudante indicará na solicitude de matrícula na PAU a materia ou materias (máximo de catro materias) de modalidade da/s que se examinará na Fase Específica, de entre aquelas ás que fai referencia o artigo 8 do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 23 de xuño).

No hay comentarios:

Publicar un comentario