Sirius

Sirius

30/4/12

CONVOCATORIA DE CAMPUS CIENTÍFICO PARA ALUMNADO DE 4º DE ESO E 1 ºDE BACHARELATO

Convócanse prazas para o Campus científico de verán  2012  dirixido a alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato .
 Temos un Campus na Universidade de Vigo denominado Campus do Mar.

PROBAS DE ACCESO A ENSINANZAS ARTÍSTICAS SUPERIORES PARA PERSOAS SEN TÍTULO DE BACHARELATO

Achego a ligazón da convocatoria de probas de acceso  para persoas que sen ter o título de Bacharelato queren aceder as Ensinanzas Artísticas superiores .

EDUCACIÓN E REDES SOCIAIS

WEB  e redes sociais é o nome desta ligazón que vos achego de interese para pais, nais e profesorado


EDUCACIÓN PARA A SAÚDE :ALIMENTACIÓN

XENTE CON VIDA é unha nova páxina web sobre alimentación saudable. Na mesma , entre outros aspectos relacionados coa alimentación e nutrición, poderedes atopar consellos sobre como elaborar unha dieta equilibrada ou  información sobre diferentes alimentos.

27/4/12

PROCEDEMENTO PARA MATRICULARSE NAS UNIVERSIDADES GALEGAS

1.- PRIMEIRA CONVOCATORIA DE MATRÍCULA
Se o solicitante aparece convocado/a para matricularse na titulación da súa primeira preferencia, deberase matricular no prazo establecido, do contrario perderá todos os seus dereitos.
Se o solicitante aparece convocado/a para matricularse nunha titulación que non sexa a de primeira preferencia, poderá esperar a matricularse nela en tanto non se peche a matrícula nas titulacións solicitadas con maior preferencia. No caso de matricularse nela ou en calquera outra titulación sen límite de prazas, decae dos seus dereitos de continuar no proceso de ingreso en titulacións con límite de prazas.
2.- SUCESIVAS CONVOCATORIAS DE MATRÍCULA
Despois da primeira convocatoria de matrícula poden quedar prazas vacantes como consecuencia de que algún dos alumnos convocados non formalice a súa matrícula. Neste caso, sobre as prazas vacantes realizarase unha reasignación automática de acordo cos mesmos criterios cos que se fixo a primeira convocatoria e convocaranse aos alumnos para formalizar a matrícula, nos sucesivos prazos sinalados no calendario de matrícula.
As sucesivas convocatorias de matrícula anunciaranse nos LERD, na CiUG e na páxina web da CiUG.
Nestas convocatorias sucesivas o alumnado pódese atopar nos seguintes supostos:
* Se o alumno/a é convocado/a para matricularse na titulación da súa primeira preferencia, deberá facer a matrícula, pois do contrario perderá todos os seus dereitos.
Nota: Enténdese por primeira preferencia aquela que o alumno/a solicitou no primeiro lugar ou en lugares sucesivos no caso de se esgotaren as prazas ("peche") das titulacións solicitadas nas primeiras preferencias.
* Se o alumno/a é convocado/a para matricularse nunha titulación de menor preferencia, poderá facer a matrícula ou non.
De facela, a matrícula considerarase firme e non terá a oportunidade de cambiarse a outra titulación.
De non facela, poderá esperar a matricularse nunha titulación de maior preferencia ata o peche da matrícula nestas, o que se anunciará coa publicación dos sucesivos listados de admitidos e de espera.
O peche de matrícula dunha determinada titulación implica a desaparición automática das listas de espera, de xeito que non se volverá a abrir de novo a matrícula desa titulación.

ESTRUTURA DA PROBA DE ACCESO Á UNIVERSIDADE

A proba de acceso ás ensinanzas universitaria oficiais de Grao (PAU) estrutúrase en dúas fases denominadas respectivamente Fase Xeral e Fase Específica.
  • A Fase Xeral da PAU ten por obxecto valorar a madurez e destrezas básicas que debe acadar o estudante ao finalizar o bacharelato para seguiren as ensinanzas universitarias oficiais de Grao, especialmente no que se refire á compresión de mensaxes, uso da linguaxe para analizar, relacionar, sintetizar e expresar ideas, a comprensión básica dunha lingua estranxeira e os coñecementos e técnicas fundamentais dunha materia de modalidade.
  • A Fase Específica da PAU, de carácter voluntario, ten por obxecto a avaliación dos coñecementos e a capacidade de razoamento nuns ámbitos disciplinares concretos relacionados cos estudos que se pretende cursar e permite mellorar a cualificación obtida na Fase Xeral.
3. Descrición da Fase Xeral
A Fase Xeral da PAU constará dos exercicios seguintes:
1º) Lingua Castelá e Literatura:
Consistirá no comentario, por escrito, dun texto non especializado e de carácter informativo ou divulgativo, relacionado coas capacidades e contidos da materia de Lingua Castelá e Literatura.
2º) Lingua Galega e Literatura:

Consistirá no comentario, por escrito, dun texto non especializado e de carácter informativo ou divulgativo, relacionado coas capacidades e contidos da materia de Lingua Galega e Literatura. Nota: o alumnado que teña exención en Lingua e Literatura Galega nalgún dos dous cursos de bacharelato non terá que facer este exercicio. Tamén terá dereito de exención de Lingua e Literatura Galega o alumnado que non cursase en Galicia algún dos dous cursos do bacharelato.
3º) Historia de España ou Historia de Filosofía:
Versará sobre as capacidades e contidos dunha das seguintes materias comúns de segundo de bacharelato: Historia de España ou Historia da Filosofía. Consistirá na resposta por escrito a unha serie de cuestións adecuadas ao tipo de coñecementos e capacidades que deban seren avaliados e o formato de resposta deberá garantir a aplicación dos criterios obxectivos de avaliación previamente aprobados.

Nota: a efectos de organización da proba, o estudante indicará na solicitude de matrícula na PAU, a materia común (Historia de España ou Historia da Filosofía) da que se examinará.
4º) Lingua Estranxeira [Alemán, Francés, Inglés, Italiano ou Portugués]:
O exercicio terá como obxectivo valorar a comprensión oral e lectora e a expresión oral e escrita da lingua estranxeira da que se trate.
Nota: a efectos de organización da proba, o estudante indicará na solicitude de matrícula na PAU, a lingua estranxeira [Alemán, Francés, Inglés, Italiano ou Portugués] da que se examinará.
5º) Materia de modalidade de segundo de bacharelato:
O quinto exercicio versará sobre os contidos de unha das materias da modalidade de 2º de bacharelato (a elixir polo alumno). Consistirá na resposta por escrito a unha serie de cuestións adecuadas ao tipo de coñecemento e capacidades que deban ser avaliados e o formato da resposta deberá garantir a aplicación dos criterios obxectivos de avaliación previamente aprobados.
Nota: a efectos de organización da proba, o estudante indicará na solicitude de matrícula na PAU a materia de modalidade da que se examinará, de entre aquelas ás que fai referencia o artigo 8 do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 23 de xuño).
Cada un dos cinco exercicios da Fase Xeral da PAU presentará dúas opcións diferentes entre as que o estudante deberá elixir unha e terá unha duración máxima de hora e media, establecéndose un intervalo mínimo de 45 minutos entre o final dun exercicio e o comezo do seguinte.
Para a realización dos exercicios, os estudantes poderán empregar, á súa elección, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os exercicios de Lingua Castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura e da Lingua Estranxeira da que se trate deberán desenvolverse nas súas respectivas linguas.
4. Descrición da Fase Específica
Na Fase Específica da PAU cada estudante poderá examinarse dun máximo de catro materias de entre as de modalidade do segundo curso de bacharelato a que fai referencia o artigo 7 do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 23 de xuño), e que deberán ser distintas da materia de modalidade elixida para a o 5º exercicio da Fase Xeral, sempre que o estudante se examine da Fase Xeral e da Fase Específica na mesma convocatoria.
Os exercicios de cada unha das materias elixidas polo estudante consistirán na resposta por escrito a unha serie de cuestións adecuadas ao tipo de coñecemento e capacidades que deban ser avaliadas e cun formato de resposta que garanta a aplicación dos criterios obxectivos de avaliación previamente aprobados.
Cada un dos exercicios da Fase Específica da PAU presentará dúas opcións diferentes entre as que o estudante deberá elixir unha e terá unha duración máxima de hora e media, establecéndose un intervalo mínimo de 45 minutos entre o final dun exercicio e o comezo do seguinte.
Para a realización dos exercicios Fase Específica da PAU, os estudantes poderán empregar, á súa elección, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Nota: segundo o establecido no artigo 10 da Orde do 24.03.2011 da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a efectos de organización da proba, o estudante indicará na solicitude de matrícula na PAU a materia ou materias (máximo de catro materias) de modalidade da/s que se examinará na Fase Específica, de entre aquelas ás que fai referencia o artigo 8 do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 23 de xuño).

24/4/12

EDUCACIÓN DE ADULTOS

  Moitos dos alumnos e alumnas do IES Francisco Sánchez están matriculados no réxime especial de Educación de Adultos:  EBI ou Ensinanza Secundaria de Adultos
 Tamén moitos  teñen a intención de seguir estudando unha vez que rematen os seus estudos  e  ademais desexan poder compaxinalos coas súas obrigas laborais. É moi importante entón  que estean ben informados en canto a oferta formativa de carácter  semipresencial ou a distancia existente.
  Na columna da dereita creamos unha categoría para poder consultar estas posibilidades de formación. 
  Agardamos que sexa de interese.

LIGAZÓNS DE VIDEOS PARA AS TITORÍAS

Achegamos hoxe algúns videos cos que se propón  traballar neste curso na sesión semanal de titoría.
 O primeiro deles fai referencia ao uso das redes socias, é un video premiado que dará para falar moito sobre este tema de total actualidade.   Agora outro video sobre a información que compartimos nas redes sociais e internet ,¡ollo!, non imos por aí contando a nosa vida, tampouco é aconsellable facelo en internet.

23/4/12


PROBAS DE ACCESO A FORMACIÓN PROFESIONAL


Como en cursos anteriores convocáronse probas libres para acceder á Formación Profesional de Grao Medio. Podes consultar os exames doutras convocatorias na ligazón que atoparás na columna da dereita. Estuda moito e .... Sorte!

22/4/12

TÉCNICAS DE ESTUDO


Comezamos con temas de interese para a comunidae educativa.. Neste caso falamos das técnicas de estudo . Recomendo hoxe un blog monográfico sobre este contido que atopei grazas ao uso do marcador social Mister Wong. 
   Gustoume este blog porque no mesmo aparecen múltiples entradas dedicadas aos diferentes aspectos que configuran as denominadas técnicas de traballo intelectual ou técnicas de estudo: os hábitos de estudo e como traballar para telos, condicións que favorecen o estudo, os apuntes e como tomar apuntes correctamente, os resumes e esquemas, a concentración, a atención, os métodos, os erros que non se deben cometer ao estudar... . 
Recomendo especialmente a entrada titulada "Estudiar con entusiasmo" xa que  reflexionar arredor destes dous conceptos é novidoso en canto ao tema que estamos a tratar.
  A información que atopamos nesta bitácora é útil a estudantes de moitos niveis educativos  e tamén para os pais, nais  e o profesorado que poderan tirar destes recursos para asesorar a fillos e alumnado respectivamente.
 Ademais de consellos, trucos e técnicas concretas  aparecen  diferentes videos explicativos que axudarán a mellorar nas estratexias de estudo.
 Poderedes consultar este blog sempre que queirades xa que deixo a súa ligazón  baixo o epígrafe de técnicas de estudo .